Monday 13 de May de 2024

O Concello de Noia axiliza o abono dunha subvención nominativa a Cáritas Noia


 

O Concello de Noia, a través da Concellería de Economía e Facenda, vén de axilizar os trámites administrativos para proceder ao abono dunha subvención nominativa de 17.000 euros á asociación Cáritas de Noia. Trátase dunha medida adoptada “para que dende a asociación poidan continuar coa gran labor de atención que ofrecen ás persoas máis vulnerables do municipio, sobre todo en materia de dispensación de alimentos e nestes complicados momentos de alarma sanitaria”, explica Laura Salgado, concelleira de Economía e Facenda.

Ao mesmo tempo, o Concello de Noia puxo a disposición da veciñanza o teléfono 981 828 011 para dar resposta a situacións de necesidade ou emerxencia que se produzan nos fogares noieses durante a corentena. Un dispositivo coordinado polo Departamento de Servizos Sociais Noia, que dirixe a tenente de alcalde Marisol Villar, e no que participan Cruz Vermella Noia, o grupo de voluntarios e os traballadores do Departamento de Protección Civil.